Outro lavado de cara

Había algo máis de tres anos que non escribía no blogue: as cousas persoais pasaron a Facebook ou Google+; as profesionais ou técnicas foron a Twitter; recensións de libros, a Goodreads... Ao final, todo espallado por distintos servizos online, e este espazo abandoado.

Escribir cousas técnicas sobre o traballo é difícil. Ao non traballar no Software Libre, o desafío radica en ser capaz de extraer as cousas relevantes para o público xeral sen revelar ningún aspecto sensible comercialmente.

No aspecto persoal, podería escribir notas sobre as miñas viaxes ou sobre os aspectos que saen da rutina no día a día (ou mesmo sobre esa rutina). Eso tamén require certo esforzo e disciplina: ¿que cousas contar? ¿como contalas?

Así que, polo de pronto, creo que falarei de libros. Durante o ano pasado e a maior parte deste, por cada libro que lin, escribín unha recensión en Goodreads. Nada elaborado, sin máis pretensións que axudarme a lembrar de que trataba cada obra e cal fora a miña reacción ao lela. Pero suficiente como para poderse publicar (duplicar) por aquí, periodicamente.

Para acompañar esta determinación, deille un lavado de cara tanto ao blogue que vedes aquí, como á páxina de benvida, simonpena.com (minimalista, e copiada vilmente da de meu irmán). O novo blogue non permite publicar comentarios: se alguén quere mencionar algo, pode escribirme ou mandar un tweet.

social