Falando sobre Software e Hardware Libre no Instituto Español Vicente Cañada-Blanch

O pasado día 5 de novembro invitáronme a ir falar ao Instituto Español Vicente Cañada-Blanch, en Portobello, Londres, diante dunha ducia de rapaces e rapazas de catorce anos que están a estudiar galego.

O Instituto Español Vicente Cañada-Blanch é unha escola española aberta en Greenwich‎ en 1972, que logo se moveu a Portobello no 1982, e que proporciona educación aos fillos dos emigrantes españois que viven en Londres, dende preescolar ata bacharelato. Dende os anos noventa dan clases en galego, posto que Portobello era un destino moi habitual para a xente da nosa terra.

Os últimos tres anos, Xaime Varela, mestre de Galego, invita a outros paisanos da terra a falarlle aos alumnos: ben dos seus traballos ou do seu perfil. Cando me contactou, a raíz dun dos varios grupos de Facebook de Galegos polo Reino Unido, propúxenlle falar sobre "Software e Hardware Libre nun mundo intelixente". De primeiras, imaxino que levou un susto -"¡son rapaces de 14 anos!"-, pero en canto lle dixen que me aseguraría de adaptarlles o contido, xa lle pareceu mellor.

En Samsung pareceulles tan boa idea que me deron o día como "business travel", ademais duns estupendos cubos de Rubik para repartir.

E nada: durante 45 minutos faleilles de Pontedeume, da Coruña, de Finlandia, de receitas de cociña (no Software Libre, poder acceder "ás instruccións" e melloralas non deixa de ser como que che pasen a receita dunha torta de queixo moi saborosa), de colaborar por Internet... Conteilles tamén como case calquera aparato actual leva Software Libre: televisores, tablets, teléfonos...

Quedei moi satisfeito: son uns rapaces moi participativos, mostraron moito interese, e fixeron preguntas estupendas. Encantoulles coñecer o One Laptop Per Child (e ver un prototipo que Mario me prestara), quedaron asombrados ao saber das impresoras 3D e as súas posibilidades (coma o do pai que lle fixo unha prótese de baixo custo ao seu fillo), e alucinaron co proxecto do meu amigo Xulio Coira: a Open Pipe.

En resumo, unha experiencia moi recomendable: ¡quédanme ganas de seguir facendo este tipo de difusión! ¡Moitas grazas a Xaime pola oportunidade, e a Samsung polas facilidades!

social